terça-feira, junho 28, 2005

DD2

Hoxe é un día para o recordo, aínda que posibelmente non apareza nos libros de texto como unha data para recordar (porque non todo cambia dun día para outro) debemos celebrar por todo o alto que por fin hai unha luz ao final do camiño. Unha luz para a esperanza de que podemos ter opcións a ser por fin o que durante tanto tempo se nos ten negado. Con esa ilusión e coa emoción que sinto felicito a todos e todas os que axudaron a conseguir este cambio.

quarta-feira, junho 22, 2005

O descoñecido

Retomando ideas que xa fun deixando caer, quero sinalar o feito de seren Ramón Cabanillas o que poderíamos denominar o grande descoñecido da nosa literatura, como explica Luis Rei nun artigo de A Nosa Terra.
Mais outra persoa que non nos resulta tan familiar e que tamén é un estudoso de figuras da literatura galega, entre elas de Ramón Cabanillas, é o Dr. Derek Flitter, da Universidade de Birmingham.
Igual de curioso resulta tamén atopar a obra Samos no Catálogo da Biblioteca Cervantes do Cairo, non? A min, cando menos, pareceume sorprendente, mais espero os comentarios que teñades que facerme.
Sei que tanta curiosidade pode resultar abafante, mais sen ánimo de resultar moi insistente, gustaríame recordar que se me centro nestes aspectos "curiosos", como a min me gusta chamalos, é porque o feito de apenas atoparen datos útiles para realizar un estudo arredor da figura do noso poeta levoume a desexar que a xente se anime a indagar un pouquiño nel e, ao mellor, coñecendo algún destes detalles cambiades de opinión e sentides a obriga de axudarme a que se coñeza de verdade a un dos nosos mellores autores.

segunda-feira, junho 20, 2005

DD 1

Ao mellor tería que ter tocado este tema con anterioridade, mais sempre escoitamos que o día despois é cando hai que facer análises dos resultados.
Deste xeito hai que ter en conta que o día despois das nosas eleccións será o día seguinte a que se remate de recontar o voto emigrante do que tanto se veu falando estes días. E sempre. Porque penso que a maioría da xente é consciente do que pasa con esas papeletas que tardarán unha semana en pasar a formar parte da nosa realidade política.
Será entón cando saibamos se os galegos e as galegas da emigración traballan tanto coma nós con Internet e lle botaron un ollo a blogos como Fragagá antes de votar, ou se, pola contra, o único que fixeron foi recoller as papeletas que Don't Manuel lles levou e guindalas na saca que vén de camiño.