quarta-feira, abril 20, 2005

Dando tumbos

O eco que resoa no meu cerebro non me deixa pensar.
A percepción do mundo esváese como a choiva cando volta a sair o sol.
Noto como as miñas ideas encollen, e até semella que o cráneo se reduce a cada minuto e non deixa circular os pensamentos.
Estancos.
E parece como se alguén petase na porta dentro da miña cabeza. Quen anda aí?
Presinto que as habitantes dos meus hemisferios están de mudanza, ou polo menos que andan a cambiar os mobles de lugar.
As novidades non son malas, só hai que deixar que pase o tempo para que se adapten ao noso ritmo. Ou á inversa.
Xa veremos que pasa.

segunda-feira, abril 18, 2005

Luísa Villalta. In memoriam.

Muller fermosa,
por dentro e por fóra,
cara de anxo,
corazón de loitadora.

Orgullosa de ter compartido contigo retazos das nosas vidas,
quedarei marcada para sempre por ti,
polo camiño aberto,
pola man estendida.

A túa presenza,
iluminadora de espazos,
deixounos sen o agromar da primavera.

En cada palabra, en cada nota,
en cada asubío do vento estás ti,
palabra pronunciada polo mundo para o non esquecemento.

Feminino Plural

Ninguén dixo que vivir en feminino fose sinxelo, aínda que a algún llo pareza.
Por iso quero agradecer que o meu par cromosómico definitorio sexa XX (coma o Galego, sen Y), o que fai que pense, sinta e actúe doutro xeito, o que non implica ser diferente.
Este azar biolóxico que me fixo nacer muller empúrrame hoxe a berrar que a loita segue, que merecemos moito máis do que temos e que algún día conseguiremos que esa mesma natureza que nos distingue nos una en harmonía e, sobre todo, en respeito.

sexta-feira, abril 15, 2005

CHOVE

Hoxe, máis que nunca, son consciente de que cando unha persoa tenta tirar para adiante coa súa vida pedazos da mesma van quedando atras, como se fosen fragmentos dun meteorito que se desintegra co contacto da Terra, e que non se sabe moi ben por onde van quedando estrados.
Deste xeito voume sentindo pequena, minúscula, até que me convirto no punto final dunha novela insoportábel de cincocentas páxinas, da cal ninguén coñece o final.
Tento xustificar, así, o nome deste blogo, identifícandome como unha pequena parte da inmensidade que me rodea.