terça-feira, junho 28, 2005

DD2

Hoxe é un día para o recordo, aínda que posibelmente non apareza nos libros de texto como unha data para recordar (porque non todo cambia dun día para outro) debemos celebrar por todo o alto que por fin hai unha luz ao final do camiño. Unha luz para a esperanza de que podemos ter opcións a ser por fin o que durante tanto tempo se nos ten negado. Con esa ilusión e coa emoción que sinto felicito a todos e todas os que axudaron a conseguir este cambio.

quarta-feira, junho 22, 2005

O descoñecido

Retomando ideas que xa fun deixando caer, quero sinalar o feito de seren Ramón Cabanillas o que poderíamos denominar o grande descoñecido da nosa literatura, como explica Luis Rei nun artigo de A Nosa Terra.
Mais outra persoa que non nos resulta tan familiar e que tamén é un estudoso de figuras da literatura galega, entre elas de Ramón Cabanillas, é o Dr. Derek Flitter, da Universidade de Birmingham.
Igual de curioso resulta tamén atopar a obra Samos no Catálogo da Biblioteca Cervantes do Cairo, non? A min, cando menos, pareceume sorprendente, mais espero os comentarios que teñades que facerme.
Sei que tanta curiosidade pode resultar abafante, mais sen ánimo de resultar moi insistente, gustaríame recordar que se me centro nestes aspectos "curiosos", como a min me gusta chamalos, é porque o feito de apenas atoparen datos útiles para realizar un estudo arredor da figura do noso poeta levoume a desexar que a xente se anime a indagar un pouquiño nel e, ao mellor, coñecendo algún destes detalles cambiades de opinión e sentides a obriga de axudarme a que se coñeza de verdade a un dos nosos mellores autores.

segunda-feira, junho 20, 2005

DD 1

Ao mellor tería que ter tocado este tema con anterioridade, mais sempre escoitamos que o día despois é cando hai que facer análises dos resultados.
Deste xeito hai que ter en conta que o día despois das nosas eleccións será o día seguinte a que se remate de recontar o voto emigrante do que tanto se veu falando estes días. E sempre. Porque penso que a maioría da xente é consciente do que pasa con esas papeletas que tardarán unha semana en pasar a formar parte da nosa realidade política.
Será entón cando saibamos se os galegos e as galegas da emigración traballan tanto coma nós con Internet e lle botaron un ollo a blogos como Fragagá antes de votar, ou se, pola contra, o único que fixeron foi recoller as papeletas que Don't Manuel lles levou e guindalas na saca que vén de camiño.

terça-feira, maio 31, 2005

A Raza do Poeta

Talvez por ser muller non poderei deixar de ser curiosa e por iso considerei adecuado seguir inzando este retallo de ceo con curiosidades, xa que do autor que nos ocupa, como xa teño comentado non hai moita bibliografía nin no papel nin na rede.
Ao mellor resulta que a teoría non coincide coa práctica, como pasa case sempre, mais se tan importante foi para a nosa literatura, esta situación non debería cambiar?
Por isto anímovos a que na páxina de
vieiros votedes por el como un dos cinco mellores escritores en lingua galega do milenio.
Unha nunca se decata de que a rede sorprende cada día, de xeito que de repente atopamos un
blogo non sei moi ben en que idioma, en que o único que se entende é Ramón Cabanillas ou Compostela.
E xa que falo desa cidade terei que referirme ao
Centro Ramón Piñeiro, cuxa páxina podemos visitar, de xeito que atopamos nun proxecto de literatura, de edicións facsímiles de revistas galegas onde atopamos referencias a Cabanillas. Haberá que esperar a que este proxecto chegue ao seu fin para valorar os resultados. E tendo en conta que, si vos fixades, a última actualización da información que se ofrece é do 18 de decembro do 96, opino que este link é merecente de entrar dentro das curiosidades que atopo na rede, non?
Espero comentarios, xa que seguro tedes moitos no que respeita ao funcionamento de esa institución.

quinta-feira, maio 12, 2005

O Poeta da Raza

Ramón Cabanillas ten sido considerado un dos grandes autores da nosa literatura, mais pola contra se buscamos traballos sobre el poderíamos considerar os resultados da pesquisa como escasos.
Por este motivo considerei apropiado indagar na rede para comprobar se a situación que se dá é a mesma. E de feito podemos xa comprobar a miña afirmación anterior na páxina do SPID, na que como bibliografía do autor ao que se lle adicou o Día das Letras no 1976, só aparecen tres títulos. Xulgade e comentádeme.
A seguir, e para ter unhas nocións moi básicas sería útil unha visita á ficha que sobre el existe na Biblioteca Virtual Galega, na que atopamos unha bibliografía do autor e os títulos, datas e lugar de publicación, alén da editorial de todas as súas obras.
Tras esta visita, e sabendo algo máis da súa vida, sabemos que estivo emigrado en Cuba, polo que non é estraño que existan páxinas latino-americanas adicadas a el, como a "1ª página web de la emigración española en el Uruguay" mais que non pasan de ser, do meu punto de vista, anécdotas curiosas, posto que a información que nelas atopamos está moi incompleta.
E para rematar por hoxe con outras curiosidades, atopamos que as páxinas da Casa-Museo de Ramón Cabanillas, ás que podemos designar cos números 1 e 2, están en español (igual que o blogo Herbario) e pola contra o Centro Galego de Barakaldoko fala na súa páxina sobre o noso autor en euskera. Ou As Roladas, revista en galego publicada en Madrid e dirixida por Cabanillas, ou a aparición deste autor nunha páxina italiana que ofrece "todos los libros que querías". Tamén podemos adquirir as obras de Ramón Cabanillas en "casadellibro".
Se tedes curiosidade comprobade e compartide comigo as vosas opinións.

terça-feira, maio 03, 2005


"...xa poden os leiros dar colleitas ben abondosas,
poden en Madrid falar con palabras ben fermosas,
que nunca, nunca nos han pagar a nosa fame de outrora!"

Cada vez que escoito este fragmento dunha canción de Fuxan os Ventos (titulada "Muller") pónseme a pel de galiña, ao mellor porque opino que esa fame aínda non pasou, e que para poder soportar un pouco mellor o ruxe-ruxe das nosas tripas deberíamos realizar unha tarefa colectiva, aportando o saber de cada quen para formar un saber colectivo, non si?
Por este motivo decídome a animarvos a todas a que tamén participedes na parte que respeita ás comarcas na Galipedia e así poder coñecer un pouco máis o que é noso.

quarta-feira, abril 20, 2005

Dando tumbos

O eco que resoa no meu cerebro non me deixa pensar.
A percepción do mundo esváese como a choiva cando volta a sair o sol.
Noto como as miñas ideas encollen, e até semella que o cráneo se reduce a cada minuto e non deixa circular os pensamentos.
Estancos.
E parece como se alguén petase na porta dentro da miña cabeza. Quen anda aí?
Presinto que as habitantes dos meus hemisferios están de mudanza, ou polo menos que andan a cambiar os mobles de lugar.
As novidades non son malas, só hai que deixar que pase o tempo para que se adapten ao noso ritmo. Ou á inversa.
Xa veremos que pasa.